Igadi Paper / nº 053 - 19/11/2010 Volver a TitularesVolver a Igadi Paper

Un G-20 cuarteado tralo Cumio de Seúl

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución

Visiblemente dominado polos temores económicos cara unha “guerra de divisas”, en gran medida motivada polas políticas fiscais de Washington, o Cumio do G-20 celebrado entre o 11 e 12 de novembro en Seúl (Corea do Sur) evidenciou as fracturas existentes dentro desta plataforma global á hora de deseñar unha nova arquitectura económica e financeira. Igualmente, este cumio salientou a progresiva perda de preponderancia de EEUU, acosado pola recesión, o seu elevado déficit público e súa incapacidade para reconducir o sistema financeiro mundial.

O papel cada vez máis decisivo de países emerxentes como China, Brasil e India permite constatar a perda de peso e influencia de Washington nas decisións económicas globais, unha perspectiva que pode ir ampliándose tamén no eido xeopolítico. Non obstante, o Cumio de Seúl estivo marcadamente dominado polo pulso establecido entre EEUU, China e os países emerxentes, en especial ante as presións de Washington para que Beijing revalorice a súa moeda, o yuan, á vista dos efectos que causan na economía estadounidense os elevados índices de crecemento económico chinés e as demandas dos países do grupo BRIC (Brasil, Rusia, China e India) por substituír ao dólar estadounidense como moeda de referencia internacional.

Mentres a Unión Europea atópase paralizada polos seus problemas internos de asistencia financeira cara países con risco de insolvencia económica (Grecia e Irlanda) e ante a volatilidade da “eurozona”, diversos analistas especulan con que, tralo Cumio de Seúl, o G-20 pode derivar progresivamente en fortes disputas internas que obstaculicen a súa consistencia. Nese escenario, a economía mundial podería mergullarse nunha prolongada etapa de proteccionismo económico e de “estanflación”, explicada en termos de elevados índices de inflación dentro dun clima de recesión e estancamento económico.

b) O illamento de Washington

Un aspecto significativo do Cumio do G-20 celebrado en Seúl foi o notable illamento do presidente estadounidense Barack Obama á hora de tentar convencer aos mandatarios asistentes da necesidade de adoptar unha política económica orientada a limitar o elevado crecemento e das exportacións dos países emerxentes e para acabar cos desequilibrios financeiros en países con fortes superávits, como China e Alemaña, con respecto a EEUU, que acumula fortes déficits na balanza comercial.

A chanceler alemana Ánxela Merkel e o presidente brasileiro Lula da Silva (quen acudía ao seu último cumio, acompañado da súa sucesora presidencial Dilma Rousseff) acusaron a Obama de aplicar unha política que esconde “unha forma de proteccionismo camuflado”. Así, no seo do G-20 se intensifica claramente un pulso interno entre China e EEUU, as dúas principais economías globais, e entre países desenvolvidos e economías en ascenso, como é o caso de Brasil.

Momentos antes de partir a Seúl, o presidente chinés Hu Jintao rexeitou claramente as acusacións de Washington de estar “manipulando” o yuan chinés para abaratar as exportacións, un aspecto que responsabilizan dos fortes desequilibrios na balanza comercial estadounidense. Aínda que, posteriormente, Hu acordou propiciar un maior nivel de cooperación con Obama durante a súa reunión bilateral en Seúl, nada parece indicar que se vaian producir no futuro mudanzas substanciais habida conta que boa parte dos problemas da economía estadounidense son estruturais e que unha apreciación significativa do yuan reportaría consecuencias moi negativas para Beijing.

As intencións de Obama para premer a China na revalorización do yuan quedaron igualmente desacreditadas ante o anuncio da Reserva Federal estadounidense (FED), realizado días antes do Cumio de Seúl, de “inundar” os mercados de divisas a través da creación de “diñeiro inorgánico” (quantitative easing, QE.2, diñeiro non respaldado pola produción), a través da compra de Bonos do Tesouro por valor de US$ 600.000 millóns ata xuño de 2011. Esta estratexia está destinada a inxectar recursos financeiros na economía estadounidense, un factor que obviamente depreciará o dólar coa intención de potenciar o abaratamento das súas exportacións.

Ante este escenario, Lula e Merkel criticaron en Seúl a política de depreciación do dólar estadounidense, mentres os países do BRIC, con Brasil á cabeza, volveron a instar a necesidade de atopar un substituto ao dólar como referencia monetaria internacional. Paralelamente, moitos analistas financeiros en EEUU advertiron dos riscos de potenciar este QE.2, xerando desconfianza e volatilidade nos mercados de divisas, en especial ante a perspectiva de “inundación” de dólares nos mercados emerxentes.

Tralo anuncio da Reserva Federal, subiron inmediatamente os prezos do petróleo, do ouro e do euro con respecto ao dólar estadounidense, mentres os bancos centrais de países como Rusia, Brasil, Tailandia, Indonesia ou Malaisia interviñeron masivamente os seus mercados de divisas para impedir a apreciación ou revalorización das súas moedas, con claros efectos de encarecemento das súas exportacións. A ola de desconfianza e proteccionismo motivada por esta medida da FED levou ao FMI a recomendar a necesidade de promover os controis nos mercados cambiarios.

Tralo golpe político que supuxo a vitoria electoral do Partido Republicano nas pasadas eleccións lexislativas en EEUU a comezos de novembro, propiciando o control republicano no Congreso estadounidense, Obama acudiu a Seúl con escasas perspectivas de éxito. O mandatario estadounidense veuse igualmente incapacitado para alcanzar un acordo de libre comercio co seu homólogo de Corea do Sur, Lee Myung-bak, que permitiría impulsar a liberalización comercial para favorecer a xeración de emprego en EEUU.

Ademais da decadencia de EEUU, o Cumio de Seúl constatou as dificultades económicas de Xapón para superar a súa prolongada recesión. Superada por China como segunda economía mundial, Tokio tentou achegarse ao seu novo socio estratéxico, India, outras das potencias emerxentes coa que recentemente subscribiu un acordo de asociación económica. Ante a perda de fortaleza da economía estadounidense, Xapón recea dos elevados índices de crecemento económico de China e India, cuantificados nun 9% de media nesta última década.

c) O Sur marca a súa pauta

Tendo en conta a composición do G-20, unha plataforma global creada en 1999 e que inclúe as potencias industrializadas pertencentes ao G-8 (EEUU, Rusia, Xapón, Alemaña, Canadá, Gran Bretaña, Francia e Italia) xunto a países emerxentes no escenario internacional, como Brasil, India, China, Turquía, Indonesia, Australia, Arabia Saudita, México, Corea do Sur, Arxentina, Tailandia e Sudáfrica, o Cumio de Seúl confirmou a cada vez maior preponderancia dos países do Sur e das potencias emerxentes á hora de confeccionar unha nova arquitectura económica global.

Aínda que sen resultados concretos (como en Copenhague), o que derivou nunha sensación de certo fracaso neste cumio, países como Brasil, China e India encabezaron unha serie de iniciativas que progresivamente suporán cambios importantes no modelo económico global.

Os actuais efectos da crise económica internacional levaron a algúns analistas a vaticinar a posibilidade de que, durante o Cumio de Seúl, certificárase o remate dunha era histórica, excesivamente determinada pola preponderancia do modelo de globalización financeira e económica de apertura de mercados. Deste modo, o proteccionismo comercial e o rol do sector público á hora de equilibrar as distorsións deste modelo, moi probablemente servirán como referencias clave, ao menos a curto e mediano prazo.

d) O final do G-20?

Antes da celebración deste Cumio en Seúl, diversos analistas económicos especularon coa posibilidade de que esta plataforma global comezara a erosionarse, diluída nos enfrontamentos comerciais internos e a disparidade de iniciativas e prioridades. Tras este cumio, estas perspectivas non diminuíron.

As reunións do G-20 en 2008 e 2009, relativamente decisivas ante a inmediata necesidade de axilizar mecanismos para superar unha depresión económica en pleno desenvolvemento, permitiron abordar un clima de maior cooperación dentro do G-20. Pero o escenario 2010 alterou esta perspectiva, incrementando os reproches, as críticas e a disparidade de criterios entre os membros deste grupo.

Obviamente, o maior caudal de críticas dirixiuse cara Washington e a súa contraditoria estratexia de premer a Beijing para depreciar o yuan mentres a Reserva Federal inunda o mercado internacional de divisas con dólares depreciados. Sen estratexias claras de coordinación da política financeira, o Cumio de Seúl podería así marcar un punto de inflexión decisivo con repercusión no futuro do G-20.

Barallando diversas hipóteses, é posible que o G-20 comece a diluírse, pasando a primeiro plano as relacións entre EEUU e China, mentres outros países como Brasil, India, e Sudáfrica (o Grupo IBSA), tentarán afianzar estratexias conxuntas que permitan equilibrar a fortaleza dos dous grandes e dos países industrializados. Outras economías, como Arxentina, México, Turquía, Arabia Saudita ou ben a Unión Europea no seu conxunto, poderían impulsar unha estratexia de coordinación de prioridades orientadas a nivelar o pulso de poder interno no G-20.

Ante a incapacidade demostrada para establecer acordos substanciais que aseguren un maior control das causas da crise, a perspectiva a curto e mediano prazo que se deduce deste Cumio de Seúl moi probablemente estará marcada polo alento do proteccionismo económico, con imposición de barreiras comerciais, arancelarias e de fluxo de capitais que, en consecuencia, incrementará o clima de recesión, regresión do crecemento económico e desconfianza nos mercados.

Deste modo, cuestionado o modelo de globalización neoliberal dominante nas últimas décadas, resulta tamén evidente que o inevitable proceso de interconexión dos mercados globais sufriría un serio revés ante a presumible ola de proteccionismo económico internacional en xestación, xerando ao mesmo tempo un maior clima de pesimismo sobre as solucións necesarias para a saída desta crise.

IGADI. 19 de novembro de 2010



 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta