Igadi Paper / nº 011 - 15/06/2009Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
Rebelión indíxena en Perú

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución:

Unha vaga de protestas, curtes de estradas, ríos e mobilizacións contra instalacións petroleiras apostadas nas rexións amazónicas peruanas de Bagua e Utcubabma, que comezaron o pasado 9 de abril, deron paso a comezos de xuño a violentos enfrontamentos entre as comunidades indíxenas e as forzas policiais, con saldo parcial de 33 mortos, decenas de feridos e centos de detidos.

Detrás do conflito político están as demandas das comunidades indíxenas, organizadas en torno á Asociación Interétnica de Desenvolvemento da Selva Peruana (AIDESEP), para derogar o decreto 1.090 e a Lei Forestal e de Fauna Silvestre, aprobados en 2008 no marco do Tratado de Libre Comercio entre Perú e EEUU, e que permiten a explotación de recursos petroleiros e gasíferos nesta rexión amazónica a favor de multinacionais estranxeiras (PERENCO, Repsol, PETROBRAS, etc), afectando os dereitos ancestrais e o modo de vida das comunidades indíxenas alí presentes.

A violencia e a represión gobernamental deron paso a que o líder da AIDESEP, Alberto Pizango, tivera que asilarse na embaixada de Nicaragua en Lima, debido a que as autoridades peruanas búscano por presuntos delictos de sedición e rebelión. Mentres, a AIDESEP e outros organismos indíxenas convocaron para o xoves 11 de xuño a unha gran mobilización nacional.

Traspasando as fronteiras do propio país, a rebelión indíxena peruana inmediatamente tivo repercusións na veciña Colombia, cuxas organizacións aborixes comezaron a mobilizarse en solidariedade cos seus homólogos peruanos. Pola súa banda, o presidente peruano Alan García acusou a “competidores internacionais” de estar detrás da violenta rebelión, en clara referencia a Venezuela e Bolivia, cos cales Lima posúe críticas relacións. Paralelamente, García tamén acusou ao líder do Partido Nacionalista Peruano (PNP), o ex militar golpista Ollanta Humala, de propiciar a violencia.

A crise política acaecida en Perú por motivo deste conflito amosa dous escenarios clave: o incremento das demandas das comunidades indíxenas, politicamente esquecidas no país; e o contexto electoral presidencial de cara aos comicios de 2011.

b) Indíxenas contra Alan García e as multinacionais

O maior desafío que enfronta actualmente o goberno de Alan García en Perú está concentrado na rebelión de diversas organizacións indíxenas, principalmente lideradas pola AIDESEP, contra un decreto e unha lei gobernamental a favor da explotación, por parte das multinacionais estranxeiras, dos recursos forestais, enerxéticos e hidráulicos das rexións amazónicas peruanas.

O detonante da crise é o decreto 1.090 e a Lei Forestal e de Fauna Silvestre, aprobados en primeira instancia polo Congreso peruano a mediados de 2008, no marco do proceso de aplicación do Tratado de Libre Comercio (TLC) negociado entre Perú e EEUU. O decreto 1.090 establece as pautas para o control dos recursos forestais.

As organizacións indixenistas consideran que este decreto legaliza a venda ao sector privado de 45 millóns de hectáreas de superficies boscosas, pertencentes ao Estado peruano, e que son explotadas a través dun réxime de concesións. Aducen que conservan dereitos constitucionais establecidos a partir de 1970 (durante o goberno militar de carácter progresista de Juan Velasco Alvarado), auspiciados posteriormente por convencións da ONU, para protexer ás comunidades indíxenas amazónicas.

Pola súa banda, o goberno defende este decreto pola necesidade de atraer investimentos estranxeiros para seguir mantendo un crecemento económico considerable (9,8% no 2008) dentro dun contexto de crise económica global. Así mesmo, o goberno de García considera que un total de 12 millóns de hectáreas serán destinadas ás etnias amazónicas e outros 15 millóns de hectáreas se conformarán en reservas ecolóxicas.

En canto á Lei Forestal, as organizacións indixenistas consideran que é un aval do goberno peruano para conceder permisos de extracción de minerais, petróleo, gas natural e recursos hidráulicos a multinacionais como a hispano-arxentina Repsol YPF, a franco-británica PERANCO e a brasileira PETROBRAS, sen contar coa aprobación previa das comunidades indíxenas locais.

Coa rebelión das comunidades indíxenas en pleno apoxeo, o presidente da AIDESEP, Alberto Pizango, pediu ao ministro de Interior, Yehude Simon, a conformación dunha Mesa de Diálogo, integrada polos Apus (líderes indíxenas) e membros do goberno, para comprometerse a revisar o decreto e a lei.

Nun contexto caracterizado polo cruce de acusacións entre o goberno e os líderes indixenistas sobre o transcurso desta Mesa de Diálogo, producíronse o pasado 2 de xuño fortes enfrontamentos nas rexións amazónicas de Iquitos, La Convención e Yurimaguas, San Martín e Loreto (extremo norte e nordeste do país). Dous días despois, o pasado 4 de xuño, celebrouse un pleno do Congreso para debater a derrogación do Decreto Lexislativo 1.090 e a Lei Forestal. Pizango condicionou o cese da violencia nas rexións selváticas amazónicas á eliminación das polémicas normas, debate finalmente postergado no Congreso.

Pero a crise xa estaba incrementando o seu nivel de intensidade e violencia. Diversos indíxenas bloquearon ríos de gran importancia como o Napo, afluente do Amazonas, destinado ao transporte de maquinaria e mercancías, ao tempo que ocuparon camiños, pistas de aterraxe e estacións de oleodutos no norte e centro do país, estratéxicos porque bombean o subministro do Amazonas ás zoas costeiras no Océano Pacífico.

O pasado fin de semana, Pizango chamou a unha folga xeral na localidade de Puno, durante a celebración do IV Cumio Continental dos Pobos Indíxenas do Abya Yala (nome nativo de América). Este cumio adoptou a resolución de promover o próximo 7 de xullo un gran levantamento nacional en contra das medidas a favor das multinacionais.

Esta situación supuxo un aliciente para as autoridades policiais e militares, decididas a contraatacar con toques de queda nesas rexións amazónicas, especialmente nas provincias de Bagua e Utcubamba, onde orixinouse a rebelión en abril pasado. Ademais, xeráronse situacións de desabastecemento e curtes de subministro eléctrico, que incrementaron as dificultades para a poboación civil e o nivel de descontento.

Os recentes enfrontamentos xeraron 33 mortos, ducias de feridos e detidos, tras dous meses de violencia entre máis de 600 efectivos policiais e militares contra máis de 5.000 indixenistas. As autoridades acusaron a Pizango dos delictos de sedición e rebelión, con posibilidade de condena a unha pena de 35 anos de cárcere. Pizango pediu asilo político na embaixada nicaraguana de Lima o pasado 9 de xuño, finalmente concedido.

c) Crise política e as eleccións de 2011

Mentres, o líder indíxena Shapion Noningo asumiu o liderado como portavoz da AIDESEP, ao mesmo tempo que outros organismos rebeldes, entre os que se atopa a Confederación de Comunidades Afectadas pola Minería (CONACAMI) anunciaron a conformación, para finais de ano, dun Proxecto Político “Perú Plurinacional”, nado do cumio indixenista.

Esta plataforma non descarta a posible participación de Pizango, co cal deixa entrever unha situación con mais que probables matices pre-electorais, deseñados de cara aos comicios presidenciais de 2011. Dende o goberno acusan ás asociacións indixenistas e ao líder do Partido Nacionalista Peruano (PNP), Ollanta Humala, de propiciar a violencia como medida de presión política, con claros fins pre-electorais.

Non obstante, a discusión no Congreso tamén xerou inesperadas reaccións antigobernamentais, moi probablemente persuadidas polo nivel de violencia en curso. Diversos grupos parlamentarios consideraron como “anticonstitucionais” o decreto e a lei forestal, debido a que favorecían a “privatización” e “estranxerización” das terras amazónicas.

Así mesmo, comezan a manifestarse fisuras dentro do goberno peruano en relación ao apoio dos polémicos decreto e lei. A ministra da Muller, Carmen Vildoso, anunciou a súa “renuncia irrevogable” ao gabinete, polo seu desacordo no manexo gobernamental do conflito. Paralelamente, a Defensoría do Pobo presentou un recurso de “inconstitucionalidade” contra estas normativas, argumentando que afectan os dereitos de identidade cultural, de propiedade da terra e de consulta coas comunidades nativas.

Este clima de matices pre-electorais suporá un duro escollo para o presidente García, quen non pode presentarse á reelección no 2011, así como a práctica concentración da atención política en Perú. As enquisas semellan outorgar o liderado das preferencias electorais a Keiko Fujimori, filla do recen procesado ex presidente peruano, co posible ascenso de Humala, probablemente co apoio das comunidades indixenistas e os sectores nacionalistas e de esquerda.

Paralelamente, a rebelión indixenista amazónica estoupa na faciana do presidente García nun momento en que o seu goberno ordenou a intervención estatal da canle Panamericana TV, a través Superintendencia Nacional de Administracións Tributarias (SUNAT) por presuntas irregularidades que, segundo diversas fontes informativas, agochan unha intención de intervención gobernamental na canle.

Con esta crise política, a peor desde que chegara ao poder en 2006, o presidente García vese nunha complexa situación que ben pode levar á destitución de varios ministros, a propiciar canais de negociación cos movementos indixenistas ou a seguir afondando nunha posición intransixente.

d) O contexto xeopolítico andino

A crise política e indixenista en Perú tivo inmediatas repercusións dentro do contexto da rexión andina. O presidente García acusou indirectamente ao seu similar boliviano Evo Morales e o venezolano Hugo Chávez de “insuflar” e apoiar a rebelión interna, con intencións desestabilizadoras, considerando que detrás dos disturbios estaban “as potencias estranxeiras que compiten pola explotación do petróleo, o gas e os minerais” amazónicos. O ministro Simón tamén pregouse á tese da “conspiración exterior contra a democracia e a estabilidade dos peruanos”.

Este escenario incrementou o nivel de confrontación verbal, con claras connotacións xeopolíticas, entre Perú, aliado de Washington, con Bolivia e Venezuela, membros da Alternativa Bolivariana das Américas (ALBA) e abertos detractores do goberno de García. Como resposta, a ministra de Xustiza boliviana, Celima Torrico, acusou a García de ser o responsable do enfrontamento entre policías e indíxenas peruanos. 

Pola súa banda, o goberno venezolano, acusado polo seu similar peruano de alentar a candidatura de Humala, enviou unha nota de “preocupación” pola situación interna, tentando propiciar unha linguaxe diplomática que revertera a tensión existente con Lima. Non obstante, a ministra venezolana de Asuntos Indíxenas, Nicia Maldonado, acusou a García de practicar o “xenocidio” contra os indíxenas peruanos.

Resulta importante considerar cómo a defensa lexislativa dos dereitos ambientais e das comunidades indíxenas, contemplados no proceso constituínte e na actual Constitución ecuatoriana, puideron servir como marco de referencia política por parte dos indíxenas peruanos e da AIDESEP, para defender estes mesmos dereitos en Perú.  A referencia ecuatoriana está igualmente contida na batalla legal gañada polo goberno de Rafael Correa contra a multinacional estadounidense TEXACO, á hora de explotar recursos enerxéticos na rexión amazónica ecuatoriana.

Esta rebelión indíxena peruana comeza tamén a manifestar serias repercusións exteriores para o goberno de García. A Organización Indíxena de Colombia (OIC), a Confederación Sindical Única de Traballadores Campesiños de Bolivia (CSUTCB) e a Confederación Kichwa do Ecuador (ECUARUNARI) anunciaron mobilizacións para rexeitar “o asasinato dos nosos irmáns amazónicos do Perú”, acusando ao goberno peruano da “masacre e violación flagrante á vida dos pobos indíxenas”.

Non obstante, contrasta o silencio oficial do goberno ecuatoriano, menos patente co do seu homólogo brasileiro Lula da Silva, país fronteirizo na rexión amazónica con Perú e con intereses de explotación a través da empresa petroleira PETROBRAS, así como do colombiano Álvaro Uribe Vélez, aliado do goberno peruano na loita antidrogas e no TLC impulsado dende Washington.

Con este panorama, e a pesar das alianzas existentes, o goberno peruano arriscase a confrontarse con acusacións de violacións dos dereitos humanos provenientes do exterior, tendo en conta a represión policial contra as comunidades indíxenas. Neste sentido, a ONG “Amazon Watch”, comprometida cos dereitos dos pobos indíxenas amazónicos, denunciou recentemente que a policía peruana estaba “desaparecendo cadáveres” dos nativos, co fin de minimizar as vítimas mortais, así como a existencia dunha fosa común, con aproximadamente 15 cadáveres, produto dos enfrontamentos de principios de mes.

 

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta