| Guía Exterior / nº 040-02/2009
de setembro de 2009 |
||||||||
| A integración enerxética da ALBA | ||||||||
|
A ALBA incorpora unha metodoloxía novedosa e experimental de cooperación Sur-Sur, impulsada dende o goberno bolivariano de Venezuela e o seu modelo ideolóxico concibido arredor do Socialismo do Século XXI. Nesta metodoloxía, herdeira das complexidades da sociedade internacional e do propio proceso de construción do Socialismo do Século XXI, o sector enerxético preséntase como unha ferramenta determinante, incluso dende a perspectiva xeopolítica, dentro do esquema de integración continental representado na ALBA. 1) Qué é PETROCARIBE? Creado o 29 de xuño de 2005 en Puerto La Cruz (Venezuela), e actualmente conformado por 19 países centroamericanos e caribeños, PETROCARIBE constitúe unha extensión do Acordo Enerxético de Caracas de 2001, subscrito entre Venezuela e Cuba, que permite financiar unha porción do valor das importacións de cru dende Venezuela, tendo en conta a evolución dos prezos internacionais do petróleo. Os países membros de PETROCARIBE son: Venezuela, Cuba, República Dominicana, Antiga e Barbuda, Costa Rica, Bahamas, Belice, Dominica, Grenada, Guíana, Honduras, Haití, Xamaica, Surinam, Santa Lucía, Nicaragua, Guatemala, San Cristóbal e Neves e San Vicente e as Granadinas. 2) PETROCARIBE e a CARICOM Os mecanismos de financiamento e exportación de cru adoptados por PETROCARIBE beneficiaron a varios países caribeños que forman parte da Comunidade do Caribe (CARICOM), a maioría deles pertencentes á Mancomunidade Británica (Commonwealth). Eses países membros da Commonwealth e da CARICOM que se benefician dos acordos de PETROCARIBE son: Antiga e Barbuda, San Vicente e as Granadinas, Santa Lucía, Grenada, Bahamas, Dominica, Guíana, Xamaica e Belice. 3) En qué consiste PETROSUR? Como organismo irmán de PETROCARIBE concibido para a área sudamericana tralo Acordo Enerxético de Caracas de 2001, PETROSUR asume o compromiso de afondar un nivel de cooperación enerxética solidaria destinado a mellorar as condicións socioeconómicas dos países membros. Neste sentido, PETROSUR, a través da empresa petroleira estatal venezolana PDVSA, establece unha serie de alianzas coas súas similares Petróleos Brasileiros (PETROBRAS), Energía Argentina S.A (ENARSA) e Administración Nacional de Combustibles, Alcohol y Portland, ANCAP (Uruguai) 4) Qué é PETROANDINA? Como mecanismo destinado a impulsar a interconexión eléctrica e gasífera, os investimentos conxuntos e a provisión mutua de recursos enerxéticos, os presidentes dos países membros da Comunidade Andina de Nacións (Bolivia, Colombia, Ecuador, Perú e Venezuela) consideraron a posibilidade de crear PETROANDINA, durante o XVI Consello Presidencial Andino celebrado en Lima o 18 de xullo de 2005. Segundo estipula o documento “Acta Presidencial de Lima. Democracia, Desenvolvemento e Cohesión Social”, PETROANDINA pretende crear unha “alianza estratéxica” entre os entes estatais enerxéticos dos países membros da CAN. 5) A formación de PETROAMÉRICA Impulsada polo presidente venezolano Hugo Chávez, PETROAMÉRICA viría a constituír a máis completa plataforma continental de integración enerxética, incluindo os mecanismos anteriormente explicados en torno a PETROCARIBE, PETROANDINA e PETROSUR, dentro do contexto de integración plasmado na ALBA e en concordancia con outros mecanismos de integración, como MERCOSUR, CAN, UNASUR, etc. PETROAMÉRICA foi concibida durante a firma do Acordo de Cooperación Enerxética entre Venezuela e a República Dominicana, subscrito en Santo Domingo en outubro de 2005. Dentro desta estratexia, PETROAMÉRICA orienta as tres iniciativas subrexionais existentes: PETROCARIBE, PETROSUR e PETROANDINA, coa intención de “utilizar os recursos enerxéticos das rexións do Caribe, Centroamérica e Sudamérica como base para o melloramento socioeconómico dos pobos do continente”. 6) Cara a PETROALBA O 29 de abril de 2007, os gobernos de Venezuela, Cuba, Nicaragua e Bolivia asinaron na cidade venezolana de Barquisimeto un tratado para conformar unha empresa Gran Nacional do petróleo denominada PETROALBA, cun Consello Enerxético da ALBA que operará con sede en Caracas, para labores de procesamento de cru na Faixa Petrolífera do Orinoco (Venezuela). O obxectivo principal de PETROALBA será construír unha matriz enerxética dentro da ALBA, capacitada para garantir o subministro petroleiro entre estes países para os próximos 25 anos. Este tratado terá unha vixencia de 10 anos, podendo prorrogarse por períodos consecutivos de cinco anos. 7) Os actores externos: Rusia, China e Irán Dentro da estratexia enerxética iniciada por Chávez a partir de 2000, coa revitalización mundial da OPEP e a recuperación da alza nos prezos do cru, o impulso principal comezou a manifestarse a partir de 2005, coa subscrición de acordos entre a estatal petroleira venezolana PDVSA coas súas similares rusas, chinesas e iranianas, para a explotación conxunta de campos petroleiros en Venezuela. Washington observa con receo e preocupación esta orientación de Chávez, especificamente cara países que considera rivais no concerto internacional e que comezan a posicionarse con forza no escenario sudamericano. 8) Perde EEUU influencia como mercado enerxético? Se ben Venezuela segue a subministrar diariamente millón e medio de barrís ao mercado estadounidense, os pasos realizados polo goberno de Hugo Chávez para diversificar o mercado petroleiro venezolano e, indirectamente, latinoamericano, permite albiscar un choque de intereses enerxéticos entre Caracas e Washington. A presenza de novos socios enerxéticos como Rusia, China e Irán son factores que preocupan a Washington, tradicional mercado e socio petroleiro venezolano, ao igual que o acelerado proceso de nacionalización da industria petroleira venezolana. A presenza en territorio estadounidense de estacións de servizo petroleiro de PDVSA, a través da súa filial CITGO, denota a directa implicación dos intereses petroleiros venezolanos e estadounidenses, especialmente ante un mercado tan volátil como é o petroleiro. 9) Ten Chávez unha “arma enerxética”? Alén das perspectivas sobre a integración latinoamericana e dos mecanismos de solidariedade enerxética impulsados por Chávez, é de salientar que o presidente venezolano utiliza sutilmente o factor petroleiro como un eixe central da súa diplomacia, especificamente dentro da idea de integración plasmada na ALBA. En clave política e electoral, a “alianza enerxética” de Chávez produciu avances e reveses no escenario hemisférico. Países como Cuba, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, Arxentina, O Salvador, Honduras (ata o recente golpe de Estado), Costa Rica, Haití e diversas nacións caribeñas, benefícianse dos acordos e mecanismos impulsados a través de PETROCARIBE, PETROSUR e PETROANDINA. 10) É posible a integración enerxética latinoamericana? A configuración de PETROCARIBE, PETROSUR e PETROANDINA permite albiscar escenarios de integración enerxética en América Latina, que terán no Gasoduto do Sur (que pasará dende Venezuela ata Brasil e Arxentina), así como PETROAMÉRICA e PETROALBA como principais eixes catalizadores deste proceso de integración enerxética. Esta perspectiva amplía decisivamente o radio de actuación de Chávez e da ALBA. Neste sentido, a potencialidade petroleira e gasífera de Venezuela e Bolivia serán factores de importancia capital neste proceso de integración enerxética sudamericana.
IGADI. Setembro de 2009. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 16/09/2009
|
||||||||
|
||||||||