Logotipo, obra de Pepe Carreiro
-Fundación Plácido Castro
VolverVolver a Titulares
 
 
VI Conferencia Anual Plácido Castro
Significado e importancia de Plácido Castro no panorama da tradución en Galicia

Pronunciada por Valentín Arias e Alberto A. Lugrís (Vigo, Casa Galega da Cultura, 25 de xaneiro de 2005)
 
 

De Plácido Castro á Licenciatura en Tradución
Valentín Arias


Vicente Araguas ten a Plácido Castro por «un adiantado do mundo tradutor galego». E di que as súas traducións á lingua galega constitúen «sobranceiras mostras de poderío estético mais tamén técnico».

Ben sería, digo eu, saber por qué as fixo e de qué serviu facelas. Cales foron desta xeira tradutora as causas e as consecuencias.


Primeiros pasos

Ano 1928. Plácido anda nos vinte e seis. Vive no Reino Unido. É membro do Royal Court Theatre of London... E traduce do castelán ao inglés a traxicomedia Almas brujas, de Manuel Linares Rivas, que foi representada en Londres.

Non me parecen especialmente crípticas as motivacións deste feito. Un mozo intelixente, culto e cativado polo teatro fai presente nunha meca social da época un produto artístico de onde é el. (Máis que fose en castelán.) Sería explicable que o movese a fachenda. Meritorio se procurase xogo en campo aberto para a súa cultura de orixe. El dicía que o noso deber como galegos e europeos é dar a coñecer a propia identidade ao mundo.

A obra –que fai o número 72 entre cento e pico de igual autoría– fora estreada pouco antes, o 13 de marzo de 1922, no madrileño Teatro da Princesa. O seu autor, comparable a Benavente en número de estreas, que foi «o máis aplaudido e o máis combatido dos contemporáneos» no dicir de alguén (José Mª. Acevedo), senador vitalicio para máis datos, era natural de Santiago de Compostela.

O tradutor, que colaboraba en xornais de Galicia e de Madrid, escribe polo mesmo tempo o ensaio “La saudade y el arte en los pueblos célticos”... Ben parece ter o ollo posto, sentimental e intelectualmente, no recanto onde el naceu.


Segundo banzo

Daquela, Plácido Castro dá un paso significativo. Traduce unha canción das illas Hébridas ao galego. E explica: «La he traducido al gallego porque me parece que suena mejor que en castellano».

¿Constatación ou xustificación? Máis que unha ou a outra, eu coido que intenta convencer. Estratexia calculada. Fernando Pérez–Barreiro Nolla informa: «ninguén insistiu máis ca el [Plácido Castro] en que os galegos tiñamos que ser “nós mesmos” pero non estar sos e illados».

Xa que logo, Plácido vai traducindo poemas e mais poemas ao galego. E mesmo publica estas traducións inseridas nas colaboracións que escribe para diversos xornais de Galicia que eran monolingües en castelán.

Pura pedagoxía, entendo. Coa mira de convencer aos galegos, de facelos acordar.


Militancia arreo

En 1931, Plácido Castro pronuncia a conferencia “O nacionalismo, un credo moderno”. E participa na Asemblea constituínte do Partido Galeguista.

Velaí o está determinado a puxar polo rexurdimento da Terra. Para o que cómpre facer uso de todas as pancas. Sendo unha destas as traducións á lingua de noso. Traducións das que se espera que contribúan á conformación da identidade galega: mostrándonos realidades parellas, promovendo a nosa autoestima, disciplinando a propia lingua, reducindo a presión da cultura castelá...

Poñamos por caso o teatro. É coñecido que Plácido Castro, e outros, avogaron decididos por un teatro nacional galego. El acredita na «educación da sensibilidade pública» a partir do contacto «coas mellores obras estranxeiras». E entende (traduzo) que «en ningún teatro coma no irlandés» –o que axudou «á realización das ambicións nacionalistas» de Irlanda– «ha desfilar ante nós todo o noso, encantos, tesouros, bruxas, diaños, princesas de contos lendarios, países de misterio, a eterna e tráxica loita da alma celta entre os soños e a realidade. ¡Que enorme distancia hai deste ao último éxito de Madrid!», conclúe. (El Pueblo Gallego, ano 1927).

Consecuentemente, o ano 1935, Plácido Castro, en colaboración cos Irmáns Vilar Ponte, publica Dous folk-dramas de William Butler Yeats: Catuxa de Houliham (de 1902) e O país da saudade (de 1894).

Por outra banda, a poesía. Daniel Landesa resume: «Na filosofía que expresa Plácido Castro en diversos artigos, a poesía é a forma básica e necesaria que un pobo ten para expresarse, para construí-la súa identidade».

Pois Plácido Castro traduce e traduce poesía á lingua galega. A tanto que é premiado este seu labor, en 1946, pola Federación de Sociedades Galegas da Arxentina. Traduce por gusto, probablemente, mais tamén para estimular a concienciación dos galegos, con todas seguridade.


Tempos de medo

Malia ser abaneada por aleivoso vento, a árbore certa que era Plácido Castro non deixou de dar traducións ao galego.

Nomeadamente, en 1965 publica a versión galega de As Rubáyiát de Omar Kayyám. Realizada, di, con esa «mestura de ledicia e tormento que é a tradución dun texto amado», e xustificando ter que traducir do inglés pois ninguén máis ca el rexeita as traducións “de segunda man”.

Leva esta tradución a cabo porque, pensa, «non poucos galegos gustarán de atopar o posible acougo nunha saudosa e escéptica ironía, e nos consolos materiais e intelectuais que procurou o vello Omar, e que ninguén soubo expresar máis belamente ca el».

Neste caso, fai explícito o obxectivo de posibilitar o acceso ás literaturas alleas que se persegue comunmente coa tradución. Propósito este –é de razón lembralo– que non vexo retomado con firmeza e perseveranza ata 1980 en que Xulián Maure se empeña en poñer a disposición dos galegos todas as obras relevantes da literatura universal –literarias e non literarias, antigas e contemporáneas– en solventes traducións á propia lingua. (As traducións ao galego en Galaxia, ata entón, eran consideradas coma quen di unicamente na súa dimensión prestixiadora do noso idioma).

Ora, nin a escuridade fai que Plácido esqueza. Ao finar, publícase un traballo seu no que alerta; «nun contexto galego, cabe fixarse en que a Yeats fóronlle dabondo as circunstancias dunha pequena nación para se trocar na testemuña universal do seu tempo». E aínda logo, en 1974, ven a luz tres laios gaélicos ao galego traducidos por el, pois que, insiste, «son abondosas (...) as comparanzas que se poden establecer entre Irlanda e Galicia en diversos aspectos da súa existencia» e unha delas é o «florecemento, decadencia e rexurdimento da poesía».


¿Resultados?

Cadraría cuantificar –na media do posible– a incidencia da xeira tradutora que capitaneou Plácido Castro na conformación da identidade galega. Concordarase en que non foi pouca. Maiormente no que fai á recuperación entre nós da autoestima.

Probar e amosar que a propia lingua é quen de acoller cumpridamente realizacións relevantes en linguas alleas de prestixio como a inglesa, cando se teima por facerlle crer a un desde empoleiradas posicións que a súa non pasa de mesquiño dialecto (virando a palabra ‘dialecto’ en sinónimo de inferior, inútil e ridículo) e polo tanto inservible para os tales usos, non haberá dúbida de que supón valiosa axuda para autocentrarse. Traer a conto realidades parellas á nosa para mostrar vieiros polos que acadaron aquelas o éxito, concordarase en que contribúe a combater o desalento. Pois isto fixo fixo Plácido Castro, coa xente da súa época, a plena conciencia.

Para min é incuestionable que, no tanto da tradución ao galego e a súa influencia no noso desenvolvemento, sabido que as circunstancias e os medios distaban de ser os de hoxe, Plácido Castro deu cumprido do de peito.

Constatado isto, pregunto eu se poderán dicir de nós igual quen detrás de nós veñen.

Por exemplo, volvendo á teima de Xulián Maure, incansable a puxar pola formación de tradutores que efectúen moitas e boas traducións ao galego..., os xa numerosos licenciados en tradución pola universidade de Vigo ¿estarán dando o nivel previsible, esperado e necesario, tanto na calidade coma na cantidade de traducións á lingua galega? Urxe que se avalíe isto. E xente debe haber na mesma ou noutra das nosas universidades, un supoñer, que saiban e poidan facelo con rigor e presteza.

Un considerable número de traducións con esta procedencia que levo visto, e ben celebraría que estes casos fosen os únicos, levan a pensar –polo menos: no demais non entro– que os seus tradutores non son especialmente adictos a unha reflexión inserta no “Limiar” de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Alborada, Bos Aires, 1949), que se non escribiu Plácido Castro estou seguro que había subscribir:

«A ruindade dunha tradución literaria», dise alí, «pode vir, naturalmente, ou da incapacidade para enxerga-la obra orixinal, ou de impotencia para rendela nunha nova lingua. E aínda sendo imprescindible para un cumprido fin ter vencido estas dúas limitacións», conclúese, «quizais sexa máis decisivo o vencemento da derradeira». Nunha palabra: non hai boa tradución ao galego se non é realizada nun galego xurdio.

Da mesma maneira, pregunto, ¿estarán poñendo os medios oportunos as Adminstracións en Galicia para que estas traducións cheguen puntualmente, de forma efectiva e funcional, a todos os recantos do país?

Moito temo e máis me alporiza que non cadre o cualificativo ‘suficiente’ nun e no outro caso. E non por culpa de alumnos e profesores, maiormente.

Ao meu ver, mal se está xestionando por ambas as instancias o herdo sobranceiro de Plácido Castro.

Valentín Arias.

 
 
 

Celtismo, nación e tradución en Plácido Castro
Alberto Álvarez Lugrís

É para min unha grande honra dirixirme a vostedes no marco desta VI Conferencia Anual Plácido Castro na que tan ilustres oradores me precederon, en edicións anteriores, no uso da palabra. Cáusame ademais unha grande satisfacción participar nun foro que ten como obxectivo fundamental a recuperación da poliédrica figura de Plácido Ramón Castro del Rio e a difusión da súa obra, igualmente múltiple pero cunha cerna única: a reivindicación da personalidade diferenciada da nación galega. Toda a obra de Plácido Castro xira ó redor deste obxectivo: tanto a obra política (dentro do Partido Galeguista, como Secretario de relacións internacionais e representante do mesmo no Congreso das Nacionalidades Europeas) como a de contido máis humanista (exercendo de correspondente en Inglaterra e Irlanda para diversos xornais a través dos cales nos presentaba o devir doutras nacións “irmás”; reflexionando sobre a saudade como motor da creatividade galega; ou presentándolles ós galegos o máis selecto da poesía en lingua inglesa).

Recupera-la figura de Plácido Castro, esquecida inxusta e inexplicablemente, é contribuír tamén a recupera-la personalidade histórica de Galicia, o seu senso como nación. A este respecto podemos lembrar unhas palabras de Vicente Risco “A propósito da historia galega”:

Endexamais perde un pobo a súa personalidade tradicional [...] mais a personalidade pode ser esquecida, pode ser desbotada da conciencia actual das xeneracións, pódese perder a conexión consciente coa historia, e daquela, o pobo incapacitado para crear, redúcese a un vivir escuro no mundo colonial [...] Se un pobo que caeu en tal estado se quere redimir del, se se quere reintegrar á súa historia universal, ten que voltar ás fontes vivas da súa tradición e da súa historia. Ten que ser reeducado por medio da reintegración consciente da súa personalidade [...] Ese é o caso de Galiza, Galiza ten urxentemente que reconquerir a súa personalidade histórica: tense que reeducar, e tense que reeducar por si mesma, fóra das aulas, pola acción privada dos que queiran ser os seus educadores espontáneos. Porque Galiza non é educada para ser, polos seus educadores oficiais, os cales, por oficio e por regramento, edúcana para ser provincia, e namentres non poida reivindicar os seus instrumentos de enseño ten que ser educada no libro, no xornal e na tribuna (Risco [1928] 1994, pp. 585-586).

Unha das moitas vías polas que Plácido Castro encarou o labor de nos educar ós galegos na nosa galeguidade foi a literaria. Tal e como Manuel Vieites nos ilustrou na conferencia do ano pasado, Plácido preocupouse, xunto cos irmáns Villar Ponte, de senta-las bases do que había ser o teatro nacional galego, a semellanza do Abbey Theatre de Yeats e Lady Gregory. Por outra parte, no ensaio La saudade y el arte en los pueblos célticos (1928a) Plácido Castro reflexiona sobre a saudade como a forza telúrica, o instinto de comuñón coa natureza, que enxendra toda a arte dos galegos e en concreto a expresión poética; un desexo do imposible que non se debe entender como pesimismo ou como fonte só de dor ou pranto, senón como revulsivo aguilloante e forza inspiradora do progreso cara ó ideal. E finalmente, unha terceira fronte literaria é a tradución, da que nos imos ocupar hoxe.


Literatura, tradución e identidade nacional

Examinemos en primeiro lugar e brevemente a función da tradución literaria como instrumento de recuperación da identidade e do sentemento de nación.

Unha das primeiras fases da historia das distintas linguas europeas é sempre a creación dun corpus de textos escritos (cf. Even-Zohar 1993) no que ocupan un lugar moi destacado as traduccións de obras históricas, literarias ou relixiosas doutras culturas que se toman como modelo. Na Idade Media os reis e os aristócratas de toda Europa promoven traducións cun dobre obxectivo: por unha parte, engrandecer intelectualmente as súas cortes e eleva-lo nivel cultural da nobreza e, por outra parte, reforza-la posición das monarquías fronte á igrexa privando a institución eclesiástica dunha parte do seu poder, conseguido gracias ó dominio das linguas clásicas e ó monopolio da cultura. A tradución era, xa que logo, un instrumento político —non o único, por suposto— e non só cultural. Neste contexto nacen as literaturas nacionais europeas. Tanto as literaturas como as linguas autóctonas comezaron a se desenvolver, medrar e madurar gracias ás traducións do latín e do grego (Ladmiral 1979:104). En Castela, Francia, Alemaña, Inglaterra e Italia, o poder político fomenta as traducións de textos literarios, relixiosos e histórico-políticos; e sempre cun dobre obxectivo cultural e político: reivindicar cada unha das linguas autóctonas como linguas de cultura e, ó mesmo tempo, contribuír á fixación e á unidade dos futuros estados europeos, reafirmándose fronte ós outros. Esta situación ten continuidade no Renacemento, época na que, como consecuencia da actividade tradutora, volven a xurdir reflexións teóricas sobre a arte de traducir nos escritos de Frei Luis de Leon, Étienne Dolet, etc. Pero é sobre todo Martín Lutero a figura clave do Renacemento en canto á tradución se refire. Para defenderse das acusacións de excesiva liberdade nas súas traducións dos textos do Novo Testamento, Lutero redacta no 1530 a súa famosa carta Sendbrief von Dolmetschen, na que defende a súa proposta de presentar traducións intelixibles para o lector, mesmo a costa de non ser literalmente fiel ó libro sagrado orixinal. A importancia dos escritos e das traducións de Lutero é tal que tódolos autores coinciden en afirmar que a súa Biblia marca a data de nacemento do alemán moderno.

A tradución configúrase así, historicamente, como un poderoso instrumento de normalización e de normativización das linguas. É instrumento de normalización porque a través da tradución de textos cultos se demostra que a lingua de chegada é tan válida como a de partida para facer ciencia, literatura, relixión, etc. (o que ademais contribúe a diferenciar e individualizar un estado fronte ós estados veciños); e é instrumento de normativización porque as traducións contribúen a fixa-la norma estándar e culta das linguas e, ademais, acrecentan o caudal léxico das mesmas mediante a creación de neoloxismos necesarios para facer fronte á riqueza dos textos orixinais (e a normativización da lingua e da cultura contribúe tamén a facer do estado un territorio tamén común e uniforme). En definitiva, a tradución deixa de ser exclusivamente un fenómeno de transferencia do coñecemento para se converter nun instrumento da normalización e mesmo da política.

A situación en Galicia foi comparable á que acabamos de describir, por máis que na Idade Media a inestabilidade política, a inexistencia de nobreza e burguesía autóctonas con verdadeiro poder para exerce-lo mecenado cultural e as continuas loitas entre bandos de nobres enfrontados supuxesen un esquecemento case total da vida intelectual. Así e todo, en Galicia realízanse traducións cos mesmos obxectivos que no resto de Europa: textos historiográficos, haxiográficos, textos dos ciclos carolinxio e troiano, da materia de Bretaña e varios textos legais e científicos (Noia Campos 1995:33 e ss.).

Na Idade Media as traducións ás linguas vernáculas realizadas en toda Europa foron o punto de partida para o desenvolvemento e o fortalecemento das linguas descendentes do latín e dos seus respectivos estados. Non embargante, en Galicia non aconteceu o mesmo. A inexistencia nos séculos seguintes, por motivos políticos, de produción cultural, provocou que a tendencia cara á fixación e á estandarización comezada na Idade Media se detivese e que se estancase a lingua, tanto no aspecto léxico como no sintáctico. En definitiva as traducións medievais introducen no galego novos vocábulos e danlle flexibilidade á súa sintaxe, pero o proceso no acaba de callar (Ferreiro 1997:287). Por outra banda, a desaparición case absoluta do galego dos ámbitos literarios provoca unha descontinuidade da tradición medieval; nas outras nacións ibéricas e europeas, pola contra, explótanse as fontes literarias clásicas e créanse novas formas que conducirán á configuración das distintas literaturas nacionais. No plano político, o país perde o seu poder e independencia fronte a unha corte castelá cada vez máis centralista.

Tralos longos Séculos Escuros, o Rexurdimento supón un paseniño espertar da conciencia nacional galega que desembocará na aparición da Xeración Nós, As Irmandades da Fala e os seus respectivos órganos de difusión, as revistas Nós e A nosa Terra. Estas dúas revistas serán os principais instrumentos para espalla-la doutrina galeguista e nacionalista, a concepción da identidade e da nación galega, así como as políticas culturais dos intelectuais máis comprometidos da época. Non hai que esquecer que para Risco e Plácido Castro, por exemplo, o renacer da conciencia nacional galega e a liberación de Galicia habían pasar nun primeiro momento pola recuperación da lingua e da cultura propias de Galicia, seguindo o modelo de Irlanda. Como continuadores do nacionalismo literario da etapa do Rexurdimento, os autores da Xeración Nós teñen como obxectivo no plano cultural a creación dun sistma literario nacional que contribúa a cimenta-la identidade da nación galega e mais a construción dun discurso exclusivo da cultura galega, especialmente no terreo literario, potenciando e lexitimando voces e formas de expresión que ata entón quedaran silenciadas ou marxinadas (González-Millán 1994:8).

Publícanse neste momento innumerables contribucións de todo tipo (historia, ciencia, filosofía, lingüística, literatura, política... “todos ises esforzos d’integración da Patrea galega no seu xa rico polimorfismo”, “Primeiras Verbas”, Nós, nº 1, páxina 1) destinadas a fomentar ese espertar, destinadas, en palabras de Vicente Risco, a reeducar un pobo que deixou no esquecemento a súa personalidade (Risco [1928] 1994).

Neste programa pedagóxico, as traducións ocupan un lugar destacado non tanto polo seu número (aínda que podemos dicir que foron bastantes, dada a situación cultural e política; cf. Noia Campos 1995, Fernández Rodríguez 1995 e Real Pérez 2000) como polas súas repercusións no panorama cultural e pola especial concepción que se tiña naquel momento da tradución. A tradución como instrumento cultural foi obxecto de especial atención por parte dos intelectuais do grupo Nós, que vía esta actividade a un tempo como unha forma de recrear (de volver a crear) as formas literarias perdidas e como un instrumento de restauración e de anovación da lingua que permitiría recuperar un vehículo cultural liberándoo de influencias espurias e alleas, sobre todo as do español (Fernández Salgado & Monteagudo Romero 1995).

Neste momento tradúcese para recupera-la identidade; calquera outra consideración carece de importancia. Tradúcese non para crear literatura senón para crear conciencia. Mesmo a fidelidade ó texto orixinal se sacrifica a este fin e ó ideario político nacionalista. E este é o caso, por exemplo, da tradución dos fragmentos do Ulises realizada por Otero Pedrayo (1926).

Os membros da Xeración Nós teñen en xeral unha concepción utilitarista da tradución. Como actividade social que é, toda tradución é unha función do momento histórico no que se desenvolve, do contexto sociocultural e político no que se insiren os actores do proceso tradutivo, principalmente o tradutor e mais a comunidade receptora. Esta afirmación, unha das premisas básicas dos modernos Estudos de Tradución, pódese comprobar con toda claridade en sistemas culturais marxinais como o galego, que aínda se atopa (e dende logo atopábase a comezos do século XX) nunha fase de normalización, a diferenza doutros sistemas como o español, inglés, francés, etc. máis estables, poderosos e influíntes e menos vulnerables por estaren plenamente normalizados. Nunha situación como a deste país, podemos dicir, tomando as palabras de Xelís de Toro, que a produción cultural en galego e en Galicia nunca foi inocente. É dicir, o feito mesmo de escribir na lingua cotiá dunha grande parte da poboación —algo que debería ser espontáneo, natural e inocente— convértese, indefectiblemente, nunha opción non só lingüística ou cultural senón tamén, e sobre todo, política, isto é, nun compromiso coa lingua, coa cultura e o pobo. E se isto é certo para a literatura galega, o mesmo podemos dicir da tradución á nosa lingua: nunca foi un labor inocente, senón más ben todo o contrario, un compromiso. Nun contexto de anormalidade cultural, o feito de traducir non podía estar motivado por un simple afán de dar a coñecer literaturas estranxeiras. A tradución ó galego estivo sempre motivada e dirixida por uns idearios que poderiamos cualificar como políticos.

E este é por exemplo o caso de Vicente Risco. O pensador ourensán amosouse en varias ocasións en contra das traducións por principio e víaas como un mal en certas circunstancias inevitable. A tradución non é para Risco máis que un medio para darlles a coñecer ós lectores galegos ferramentas de reflexión intelectual: os textos que apoian a reclamación dos intelectuais de Nós e que serven para difundir outros nacionalismos.

Pero non tódolos intelectuais compartían a radical opinión de Vicente Risco. Correa Calderón (1918:5) e máis tarde Plácido Castro, por exemplo, defendían as traducións polo seu valor como ferramenta da normalización e normativización da lingua e da literatura e como vehículo de recuperación da identidade.


Celtismo, saudade e tradución

A exclusiva educación da que Plácido Castro gozou dende ben neno no Reino Unido procuroulle un coñecemento de primeira man da rica tradición literaria inglesa e angloirlandesa e procuroulle tamén a semente do seu universalismo. No Reino Unido descobre Plácido a súa galeguidade e descobre tamén que da defensa da sua propia identidade nace o respecto por tódalas outras identidades. Para Plácido, a necesidade de sermos nós mesmos axúdanos a comprender e respecta-los demais:

Non é razoable [...] que busquemos novas bases puramente galegas para o rexurdimento de Galicia? Un galeguismo sensato non impedirá que esteamos sempre en contacto coa cultura europea, un contacto máis íntimo que o que manteriamos por medio das traducións de ideas europeas que nos presentan os pensadores madrileños (Castro [1928c] 2002: 101).

Esas «bases puramente galegas para o rexurdimento de Galicia», ese «galeguismo sensato», teñen os seus alicerces en dous conceptos fundamentais e inseparables no pensamento de Plácido Castro: a saudade e o celtismo. A difusión destes dous conceptos e a recuperación da lingua galega como lingua de cultura son precisamente os obxectivos principais das traducións que Plácido Castro realiza dende a lingua inglesa á galega. E é que do mesmo xeito que a receltización da vida cultural irlandesa fora defintiva para o proceso político que levou á idenpendencia de Irlanda, Plácido (ó igual que Risco, Pedrayo e os outros membros da Xeración Nós) coidaba que a recuperación da identidade nacional galega había comezar pola recuperación da nosa lingua e da nosa cultura.

Dende moi pronto sinala Plácido Castro a conveniencia de segui-lo modelo irlandés. No seu ensaio de 1928 La saudade y el arte en los pueblos célticos insiste sobre todo na “saudade dunha Galicia redimida que sexa, como en Irlanda, o distante ideal que nos leve finalmente a unha feliz realidade(1)” (1928a:48). E no mesmo ano, nas páxinas d‘A Nosa Terra afirmaba que “a orientación cara as terras célticas do Norte ten que ser unha parte esecial, a máis importante, do que poideramos chamar a nosa política exterior intelectual” (1928b). Moito temos que aprender de Irlanda en tódolos aspectos, comenta a cotío Plácido, e este é precisamente un dos motivos que o levan a traducir, por exemplo, os dous folk-drama de Yeats xunto cos irmáns Villar Ponte. Nas liñas de abrente (simbólico epígrafe), Plácido subliña que as pezas traducidas e o seu contexto de creación teñen unha relación tan estreita co problema da evolución do noso propio teatro, que o sucedido en Irlanda fai máis de trinta anos, encerra hoxe para nós leccións de extraordinario valor, que xustificarían a tradución distas dúas pezas, si non foran xa merescentes de ser coñecidas entre nós polo seu propio valor artístico (Castro [1935] 1977:18).

Pero non só a literatura irlandesa é de interese para Plácido. Aínda que lles presta máis atención e lles dedica máis artigos e traducións ás literaturas dos países célticos por descubrir neles numerosísimas similitudes con Galicia (véxanse por exemplo os artigos “Laios Gaélicos” de 1974 ou “Lembraza de Robert Burns” de 1965), Plácido esfórzase por amosarnos en galego tódolos autores que en lingua inglesa reflexionan dun ou doutro xeito sobre a saudade ou que a deixan traslucir na súa obra. Así por exemplo e ademais dos xa mencionados Dous dramas populares, traduce poesía de Yeats, George William Russell (AE), Robert Burns, Raftery, Egan O’Rahilly, Seamus Cartan, Thomas Moore, Alfred Edward Housmon, Christina Rossetti, William Henry Davies, John Masefield, Walter John de la Mare, Dowson, William Blake, James Stephens, Aubrey de Vere, Thomas Hardy, Padraic Colum, Lady Dufferin, Fanny Parnell, etc. Sobre varios deles volve constantemente, refacendo unha e outra vez as súas traducións ou presentando outras novas, como é o caso de Yeats, Christina Rossetti, Raftery ou George Russell, dos que se ocupa ó longo de practicamente toda a súa vida. Pero sen dúbida a tradución máis importante da súa vida foi a das Rubáiyát de Omar Khayyám. A elas dedicoulles varios anos de traballo, un detalladísimo estudo introductorio no que se presentan os pormenores da historia do manuscrito persa orixinal e da tradución inglesa que Plácido emprega como punto de partida e unha serie de glosas explicativas. Plácido Castro traduciu ademais, ó inglés, a peza teatral de Manuel Linares Rivas Almas Brujas. Pero a súa dedicación non remata aquí, porque publicou ademais numerosos artigos de crítica literaria e, sobre todo, do que poderiamos chamar literatura comparada entre os nosos poetas e os dos países “célticos”. De especial interese é o estudo da poesía de Christina Rossetti, un traballo por desgraza aínda inédito. Así e todo, no ano 1997 a familia de Plácido Castro publicou, con motivo do Día das Letras Galegas, o libriño Mostras da poesía de Christina Rossetti vertidas do inglés ó galego, no que se recollen, ademais das traducións, as opinións do propio Plácido sobre a obra desta poetisa a quen adoitaba comparar con Rosalía.


Consideracións de Plácido Castro sobre a tradución

O pensamento de Plácido Castro ó redor da tradución, o que poderiamos denominar a súa particular teoría da tradución literaria, atópase espallado ó longo de toda a súa produción ensaística e literaria e raro é o escrito relacionado coa literatura ou coa cultura en xeral no que non atopemos algunha referencia ó seu labor como tradutor ou algunha pequena poesía vertida ó galego.

O primeiro que cómpre sinalar con respecto á súa concepción do labor tradutor é que para Plácido Castro a saudade fai que os galegos esteamos especialmente preparados para a tradución, sobre todo a de textos poéticos. No prólogo ó ensaio La saudade y el arte en los pueblos célticos, Portela Valladares sinala “eis o tesouro de Galicia; iste seu sobresalir en psique que engendra o don da «ourentazón» e que nos permite a «asimilazón» de todos os países e de todas as ideias” (1928:16). E máis adiante o propio Plácido fai unha definición da saudade que se lle podería aplicar tamén á poesía:

Pero a expresión máis intensa e elevada da saudade atópase no anceio máis característico dos poetas célticos, o anceio do imposible. É esta a saudade pura, porque non se pode ver satisfeita e nela ten unha importancia relativamente pequena o desexado se se compara co acto de desexar [...] o fundamental nela é o desexo e non o desexado (1928:39-40).

De feito, a poesía é o xénero preferido do noso corcubionés porque é unha voz que recolle a tradición do pasado e da terra, porque posúe unha transcendentalidade que a converte en nexo de unión entre o pasado e o futuro, porque compendia tódolos saberes, sentimentos e experiencias do pobo e porque a poesía é, en definitiva, o instruménto básico que cada pobo ten para construí-la súa propia identidade (Landesa 2002). De aí que Plácido vexa unha especial comuñón entre poeta e tradutor, en realidade entre dous poetas, o que motiva que a tradución poética sexa “a obra dun poeta inspirada pola obra dun poeta —non unha copia senón unha re-producción, non unha traducción senón a re-entrega dunha impresión poética” (Castro [1965] 1996:15).

Nisto, por suposto, radica a beleza da tradución poética, pero tamén a súa dificultade. E de feito o propio Plácido Castro fala desta actividade como un “pasatempo por non chamarlle vicio... ao mesmo tempo tan cheo de feitizo e de tormento” (Castro 1955:18), “a mestura de ledicia e de tormento que é a tradución de un texto amado” (Castro [1965] 1996:22) . E é que a tradución vén sendo unha expresión máis da saudade: un intento van de acadar un ideal de comuñón co autor e o texto orixinais, un desexo de conquerir unha comunicación ideal do sentemento percibido: unha tarefa “atraente mais desespranzadora” (ibid.).

Canto ós procedementos de tradución, Plácido Castro amósase en principio contrario ás traducións “de segunda man” (Castro [1965] 2002, 1974) feitas a través de versións ou linguas ponte (por máis que, como veremos máis adiante, teña que recorrer a elas en certas ocasións). Opina tamén que a existencia de traducións castelás de determinadas obras non debe impedi-la realización de traducións galegas directas dende o orixinal e que en moitas ocasións estas son mellores que as versións castelás (Castro [1964] 2002).

O texto no que Plácido Castro nos deixou detallada máis polo miúdo a súa concepción da tradución poética é a introdución ás rubáiyát. E aínda que as súas reflexións se refiren exclusivamente a esta tradución, podemos comprobar que toda a obra tradutora de Plácido se rexe polos mesmos principios.

Tenta conservar sempre unha certa semellanza formal con respecto ó orixinal, reproducindo non só as estrofas senón tamén en moitas ocasións a rima do texto fonte. Isto non quere dicir que se someta sempre ó literalismo, nin de forma nin moito menos de contido, xa que o que procura é transmiti-lo sentemento que el mesmo percibe nos textos. Admite a necesidade de introducir nas súas traducións pequenas omisións e lixeiros cambios que permitan axeitar contido e forma no texto galego, pero sen caer en infidelidades nin ó léxico nin ó significado do texto orixinal. Canto ás perdas de matices (ou de brillo e elegancia, para emprega-las súas palabras) que sempre se producen no paso dun texto poético dunha lingua a outra, recorre á compensación de efectos por medio dos recursos expresivos da lingua de chegada, especialmente dotada para a poesía, na súa opinión. Así mesmo, no caso das rubáiyát, emprega elementos estranxeirizantes, principalmente de índole ortográfica e léxica, para contribuír a crea-lo ambiente misterioso, distante e fondamente sensual que domina o orixinal. Un último detalle técnico digno de ter en conta é a revisión e corrección das traducións nas sucesivas edicións de cada unha delas, como poderemos comprobar, por exemplo, no poema “Meu amor, cando eu morra” de Christina Rossetti publicado en varias ocasións e do que existen ata catro versións diferentes.


As traducións de Plácido Castro

Plácido Castro comeza a traducir (ou, cando menos, a publica-las súas traducións) cara a finais dos anos vinte e comezos dos trinta, época na que Irlanda comezaba a gozar dunha independencia duramente gañada e na que o celtismo era a bandeira de boa parte da intelectualidade galega. Enceta por iso Plácido o seu labor tradutor con autores angloirlandeses e, nomeadamente, Yeats, de quen publica no ano 1935, os dous Dramas populares xa citados, traducidos en colaboración cos Villar Ponte.

Ó mesmo tempo comezan a plasmarse en diferentes traballos as súas críticas comparadas de diversos autores galegos con poetas do mundo céltico, especialmente de Irlanda e Escocia. Esas reflexións terán o seu maior expoñente no tratado La saudade y el arte en los pueblos célticos (1928). O interesante de todos estes traballos comparativos é que, para establece-las comparacións e facerllas comprensibles a tódolos seus lectores, Plácido traduce ó galego os textos ingleses. Comprobamos así que, dende ben novo, Plácido non só tiña un sólido dominio da lingua inglesa e un fondo coñecemento da súa literatura, senón que ademais posuía unha magnífica sensibilidade poética e dominaba os recursos métricos e estilísticos do discurso lírico.

Correndo o tempo, e tra-la desesperanza do golpe de estado fascista e o ermo da primeira posguerra, no ano 1946 Plácido, xunto con Lois Tobío e Florencio Manuel Delgado Gurriarán, gaña, cunha escolma de traducións, o certame literario convocado pola Federación de Sociedades Galegas da Arxentina co gallo do 25 aniversario da súa fundación. No 1949 publícase en forma de libro, que se converte nun dos fitos da literatura galega da posguerra. No limiar, escrito por Arturo Cuadrado pero que de seguro terían asinado de bo grao os tradutores, reflexiónase sobre a conveniencia de traducir: unha razón máis concreta e propincua aconsella promover este xeito de labouras i-ela é a grande importancia que garda pr’o rexurdimento da nosa fala. Non hai máis xurdia e froitosa discipriña pra unha lingoaxe e pra un escritor que o ter que arranxar nova forma aquecente e vernácula â intensa cárrega d’esprito d’un nobre poema estrano (Castro, Tobío & Delgado 1949:limiar).

Nesta escolma Plácido ocupouse de boa parte das traducións do inglés e preséntanos unha coidada selección dos mellores poetas contemporáneos, malia ser todos eles prácticamente descoñecidos fóra de Inglaterra, mesmo hoxe en día: Christina Rossetti, Ernest Dowson, Thomas Hardy, George Russell, Housman, Yeats, William Henry Davies, Walter de la Mare, Masefield e Padraic Colum, con 24 poemas en total, algúns dos cales reaparecerán, revisados, nos seus traballos de anos posteriores. Trátase dunha mostra aparentemente heteroxénea da poesía inglesa, pero os textos e autores seleccionados comparten un posicionamento estético que os sitúa a todos eles ó redor dun sentemento básico que é a saudade, como tódolos autores traducidos por Plácido ó longo da súa vida. Para Plácido Castro a tradución é unha das formas posibles de cultivar, recuperar e revalorizar este sentemento que, como vimos, define o espírito galego e o identifica como celta. Atopamos así a saudade da beleza, do paso do tempo, do amor e da morte, que en definitiva se resumen na saudade do imposible, pois a beleza é efémera, o tempo implacable, o amor caduco e a morte unha incógnita.

Lemos en Thomas Hardy, por exemplo, a dor que provoca a beleza que murcha no poema “No meu espello miro...”.

No meu espello miro
E vexo a murcha pel,
“¡Quixera Deus que o corazón”, me digo,
“Se encollese tamén!”
Entón non sofrería
Por afectos xa fríos,
I-ecuánime, senlleiro, agardaría
O repouso infinito.

En “Inmortalidade”, George Russell presenta o intento van de supera-la morte:

Como o fume temos de esvaírnos, ou vivir do esprito no fogo
Pois nin nós, nin o fume, podemos voltar para a chama,
Si a vontade en arela se troca, si se troca o pensar en ensoño,
Como fume nos esvairemos, ben que o fogo arda.
Compasión infinita que estrelas os crepúsculos de hoxe, cincentos,
De certo que en ti mora a i-alma, o esprito inmortal,
Ou vivimos no fogo do amor, ou por moitos camiños iremos,
Por camiños do ensoño, que â morte nos han de levar.

E a natureza amósase sempre como un elemento que se compadece, que comparte os sentementos do poeta, que os reproduce e os potencia: é unha natureza saudosa tamén, melancólica, gris, fantasmagórica ás veces, como a que describe Walter de la Mare en “Outono”.

Hai un vento alí ond’a rosa estaba;
Fría choiva, onde herba tenra estaba;
E nubes, cal carneiros
Percorren os cincentos
Ceos pendentes, ond’a laberca estaba.
Nada de ouro onde o cabelo teu estaba;
Nada quente, ond’a tua man estaba;
Mais, espectro, esquecido,
Debaixo do espiño,
Teu fantasma onde o teu rostro estaba.

Canto ó aspectos técnicos da tradución, Plácido Castro demostra en tódalas versións o seu dominio do léxico, da métrica e da rima, pero tamén, e sobre todo, unha especial sensibilidade que lle permite captar e reexpresar en galego a voz poética e o ton do orixinal.

Mención especial merecen as traducións que presenta de Christina Rossetti, xa que é unha autora recorrente ó longo de toda a súa vida e a ela dedícalle numerosas traducións e estudos. No radical desacougo da poetisa inglesa ve Plácido Castro unha alma xemelga de Rosalía de Castro. As semellanzas entre as dúas autoras, subliña, non procede de teren experiencias vitais semellantes nin evolucións parellas das súas voces poéticas.

Noustante, os vencellos de unión son rexos e sinalados. Sobre todo o sofrimento ante a efímera beleza, a aversión ante a vellez e máis que nada as indefinidas saudades e a mestura de horror e desexo que lles inspira a morte, cuio repouso no “sono sin sonos” ven ser o meirande anceio de Christina... chegamos a pensar [por iso] que son os factores íntimos dunha personalidade, máis ben que as circunstancias externas, o que inflúe máis no carácter dunha obra literaria (Castro 1982:181).

Un dos poemas máis representativos de Christina Rossetti, e tamén dos máis repetidos nas traducións de Plácido é “Meu amor, cando eu morra”, que citamos aquí dende a versión publicada na revista Grial no ano 1982 por ser a que nos parece máis conseguida, pero que xa estaba presente na escolma de 1949:

Meu amor, cando eu morra
triste cantar non cantes,
ciprés sombrizo ou rosas
á testa non me prantes.
Orballo e chuvia mollen
sobre min a herba verde,
e si queres, relembra,
e si queres, esquece.
Eu non verei as sombras,
nin hei sentir a chuvia,
nin ouvirei o reiseñor
que cando canta, chora.
I en meia luz soñando,
–que nin se esvai nin medra–
pode ser que me lembre,
ou pode ser que esqueza.

Entre a versión de 1949 e esta publicada en 1982 (e que segundo os editores de Grial Plácido Castro fixo pouco antes de morrer no 1967) hai pequenas pero signitivas diferenzas que afectan sobre todo á métrica da composición. Polo que podemos deducir da análise das distintas versións de varios poemas traducidos por Plácido, a métrica da peza era unha das súas principais preocupacións: a consecución dunha estrutura acentual cadenciosa e hamoniosa, que marque o ton de cada poema. Podemos comprobalo por exemplo na primeira estrofa de cada versión:

Texto orixinal

When I am dead, my dearest,
Sing no sad songs for me,
Plant thou no roses at my head
Nor shady cypress tree.

Versión de 1949

Non cantes tristes cantos,
Amor meu, cando eu morra,
Nin me prantes â testa
Ciprés sombrizo ou rosas.

Versión de 1982

Meu amor, cando eu morra
triste cantar non cantes,
ciprés sombrizo ou rosas
á testa non me prantes.

Mesmo non sería atrevido dicir que a versión publicada en 1982 supera en musicalidade o orixinal inglés, menos regular no cómputo silábico, no ritmo acentual e na distribución das pausas finais dos versos. E este mesmo afán de perfección podémolo descubrir na meirande parte das súas outras traducións, que revisa constantemente, sempre co obxectivo dese ideal saudoso de perfección inatinxible que se atopa na cerna da arte.

O cume da obra tradutora de Plácido Castro, e ademais tamén o cume do seu dominio da técnica poética, atopámolo na súa tradución das Rubbáiyát de Omar Khayyám. Coñecendo a escrupulosidade e meticulosidade do tradutor, e dadas as especiais dificultades métricas así como a complexidade conceptual e a distancia cultural do orixinal, é lóxico supoñer que a tradución das rubbáiyát lle ocuparía a Plácido un moi longo espazo de tempo. O resultado, dende logo, non podería ser mellor, sobre todo en canto á composición formal das estrofas galegas, que manteñen á perfección o esquema rítmico orixinal integrándoo en fermosa harmonía coa sintaxe galega.

Como xa comentamos antes, Plácido considera que a tradución de poesía esixe que haxa unha empatía entre autor e tradutor, e este último debe ter, ademais, sensibilidade de poeta. Dende a perspectiva que nos dan os anos pasados, é curioso comprobar que no caso de Plácido Castro e Omar Khayyám a empatía é maior do que o propio Plácido coidaba. Lendo a introdución desta tradución parécenos por veces que estamos lendo a biografía de Plácido Castro:

Disfrutou Omar dos favores de Sultáns e Visires e da admiración de moitos homes insignes do seu tempo, mais nin entón nin máis tarde chegou a acadar entre o seu pobo a popularidade e a honra que merecía, nin a fama que gozaron outros poetas da súa terra. Sen dúbida eran as súas ideas de abondo atrevidas e o bastante arredadas da ortodoxia como para gañarlle a xenreira daqueles de quenes se mofaba nos seus versos. Incluso parece que nalgunha ocasión foi obxecto de persecucións e que viviu algún tempo no exilio (Castro [1965] 1996:9-10).

No exilio interior vivía Plácido no momento de publicar esta tradución, que sen dúbida empregou como vía de escape ante a realidade gris da España franquista, abafante e de futuro incerto. E tamén esta busca de sosego intelectual nos mundos poéticos relaciona a Castro con Omar Khayyám, ámbolos dous con bos coñecementos de astronomía: ...a Astronomía é a máis poética manifestación dos nosos días —aquelo que arreda ata máis lonxe os lindeiros da imaxinación e da fantasía, o que nos fai sentir a suprema saudade, o tremor do vértigo do Infinito (Castro [1965] 1996:21).

Sen dúbida os motivos que levaron a Plácido a traduci-las rubbáiyát para dárllelas a coñecer ós galego foron principalmente dous. En primeiro lugar o seu carácter de obra innovadora e transgresora que a situaba na avangarda estética e situaba tamén á lingua e á literatura galegas en contacto directo coa mellor literatura contemporánea. En segundo lugar, non podemos deixar de mencionar a constante presenza da saudade ó longo das setenta e cinco cuartetas que compoñen o texto. E son os tipos de saudade, ademais, que Plácido identifica como definitorios dos pobos celtas: saudade da beleza, saudade do paso do tempo, saudade da morte e saudade pola imposibilidade de controla-la propia vida fronte ó fatídico destino que nos agarda. Comprobémolo nas estrofas iniciais:

I
¡Despertai! que a Mañán xa lanzou a súa Pedra
na cunca desta Noite, i escorrenta as Estrelas:
e o Cazador do Leste, no seu Lazo de Luz,
á Torre do Sultán ten feito Prisioneira.

II
Cando no Ceo estaba do Abrente á Man Esquerda,
en Soños escoitei que unha Voz na Taberna
clamaba: “¡Despertade, i enchede a Copa, Nenos,
denantes que se esgote o Licor da Eisistencia!”.

III
E co Cantar do Galo, os que estaban fóra
da Taberna berraron— “¡Abride entón a Porta!
Ben sabedes o curta que vai ser a nosa Estada,
e que unha vez partido ninguén eiquí retorna.

As rubbáiyát son un canto dionisíaco que nos convida á gozar da vida presente, da súa beleza e dos seus praceres mentres podamos, porque son breves e efémeros; porque o noso destino é facer medrá-la herba dos xardíns que outros pisarán no futuro. É por iso un texto rebordante de sensualidade, de corido, que nos presenta unha natureza exuberante na que as persoas gozan dos praceres terrenais. Nesta exaltación do gozo de vivir, na que o viño ten un papel protagonista como símbolo das bondades da vida, hai tamén lugar para o humor e a ironía:

XL
Ben sabedes, Amigos, que no meu Lar, hai tempo
celebrei cunha Troula meu novo Casamento:
cando a Filla da Uva tomei por miña Esposa,
e a Razón, vella i erma, divorciei do meu Leito.

Unha das características que sen dúbida contribuíron a facer das rubbáiyát un clásico da literatura moderna é a súa constante actualidade, valor que tamén lle recoñece Plácido Castro na súa introdución:

A min paréceme que esta voz do vello poeta persa... ten nos nosos ouvidos un son enteiramente contemporáneo... O mundo atravesa ás veces xeiras de outimismo, e outras pasa por tempos, como os nosos, de incerteza, de desconfianza, de anguria a respeito do presente e do futuro. Algunhas voces outimistas... soan un tanto falsas nos nosos ouvidos e non abondan pra reconciliarnos por enteiro coa maravillosa e prometedora, mais tamén temerosa realidade do noso tempo e do que se aproisima para os habitantes da Terra. O anceio aitual do máisimo «escapismo»..., revela que estamos a sentir, individual e coleitivamente, un fondo e íntimo desacougo... O home incluso prepara unha modalidade decisiva de «escapismo» —a fuxida do seu propio planeta nativo (Castro [1965] 1996:20).

Velaí tamén a actualidade de Plácido Ramón Castro del Río, que sempre pensou en Galicia en clave universal: estas palabras, publicadas no 1965 ben poderían escribirse hoxe en día a propósito das guerras do petróleo ou das viaxes a Marte.

Igual que sucedía entre os antigos celtas, os bardos como Plácido Castro son os depositarios da espiritualidade da nación e desenvolven na sociedade un importante papel socio-político comparable ó dos mesmos druídas e xefes dos clans. Son os bardos os coñecedores da forza oculta das verbas (Vendryes 1935) e os que, como Armeghin no Leabhar Gabhala, poden invocar cos seus cantos as forzas telúricas para que acudan en axuda dos fillos de Breogán.

Valentín Arias.

 
 

 
Notas:

(1) Tódalas citas deste ensaio son tradución miña.
 
 

Referencias bibliográficas:

CASTRO DEL RIO, Plácido (1928a) La saudade y el arte en los pueblos célticos. Prólogo de M. Portela Valladares. Vigo: Imprenta de El Pueblo Gallego.

CASTRO DEL RIO, Plácido (1928b) “O noso novo Profeta”, en A Nosa Terra, 25 de xullo de 1928.

CASTRO DEL RIO, Plácido ([1928c] 2002) “Cosmopolitas ou «casteláns de imitación»”, en CASTRO DEL RIO (2002), pp. 97-102.

CASTRO DEL RIO, Plácido & VILAR PONTE, Antón ([1935] 1977) “Liñas de Abrente”, en YEATS ([1935] 1977), pp. 11-21.

CASTRO DEL RÍO, Plácido, TOBÍO FERNÁNDEZ, Lois & DELGADO GURRIARÁN, F.M. (1949) (trads.) Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. Editorial Alborada: Bos Aires.

CASTRO DEL RIO, Plácido (1955) “Do inglés ao galego. Un pequeno feixe de poesía”, en Galicia emigrante, ano II, nº 8, pp. 18-19.

CASTRO DEL RIO. Plácido (1964) “O galego é outro idioma”, en CASTRO DEL RIO (2002), pp. 131-134.

CASTRO DEL RIO. Plácido (1965a) “Lembranza de Robert Burns”, en Grial. Revista galega de cultura, nº 7, xaneiro,febreiro, marzo, pp. 104-105.

CASTRO DEL RIO. Plácido ([1965b] 1996) As Rubáiyát de Omar Khayyám. Edición bilingüe galego-inglés de Antonio Raúl DE TORO SANTOS. Introdución e tradución de Plácido R. Castro. Colección A illa verde. A Coruña: Edicións Espiral Maior.

CASTRO DEL RIO. Plácido (1974) “Laios Gaélicos”, en Grial. Revista galega de cultura, nº 43, xaneiro,febreiro, marzo, pp. 104-105.

CASTRO DEL RIO, Plácido (1982) “Seis mostras da poesía de Christina Rossetti”, en Grial. Revista galega de cultura, nº 76, abril, maio, xuño, pp. 180-183.

CASTRO DEL RIO, Plácido (2002) Plácido Castro del Rio. Unha escolma xornalística. Selección e prólogo de Xulio Rios. Sada: Ediciós do Castro.

CORREA CALDERÓN, Evaristo (1918) “Os raros i’os novos. Páxinas extranxeiras”, en A Nosa Terra, nº 76, p. 5.

EVEN-ZOHAR, Itamar (1993) “A función da literatura na creación das nacións de Europa”, en Grial, nº 120, tomo XXI, pp. 441-458.

FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, Áurea (1995) “O papel da traducción no sistema lingüístico e literario nacional: o ámbito galego”, en Grial, nº 128, pp. 541-554.

FERNÁNDEZ SALGADO, Benigno & MONTEAGUDO ROMERO, Henrique (1995) “Do galego literario ó galego común. O proceso de estandardización na época contemporánea” en MONTEAGUDO ROMERO (ed.) (1995), pp. 99-176.

FERREIRO, Manuel (1997) Gramática histórica galega. II lexicoloxía. Colección Ensaio, nº 95. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento.

GONZÁLEZ-MILLÁN, Xoán (1994) “Do nacionalismo literario a unha literatura nacional. Hipóteses de traballo para un estudio institucional da literatura galega”, en Anuario de estudios literarios galegos, 1994, pp. 67-81.

LADMIRAL, J.R. (1979) Traduire: Théorèmes pour la traduction. Payot: París.

LANDESA, Daniel (2002) “A poesía en voz de Plácido”, en RÍOS (ed.) (2002), pp. 53-56.

MONTEAGUDO ROMERO, Henrique (ed.) (1995) Estudios de sociolingüística galega. Sobre a norma do galego culto. Galaxia: Vigo.

NOIA CAMPOS, María Camino (1995) “Historia da traducción en Galicia no marco da cultura europea”, en Viceversa. Revista Galega de Traducción, n º 1, 1995, pp. 13-62.

PORTELA VALLADARES, Manuel (1928) “Un índice limiar”, en CASTRO DEL RIO (1928a), pp. 5-22.

OTERO PEDRAYO, R. (trad.) (1926) “Ulysses. Anacos da soadísema novela de James Joyce postos en galego do texto inglés por Ramón Otero Pedrayo”. En Nós, nº 32: pp. 3-11.

REAL PÉREZ, Beatriz (2000) “A traducción e os textos traducidos ó galego no período 1907-1936”, en Viceversa. Revista Galega de Traducción, nº 6, pp. 9-36.

RÍOS, Xulio (ed.) (2002) Plácido Castro no centenario. Colección Texturas Internacionais, nº 4. Baiona: Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional.

RISCO, Vicente ([1928] 1994) “A propósito da historia galega”, en Obras completas, volume 5. Vigo: Galaxia - Xunta de Galicia, pp. 585-588. Publicado orixinalmente en Céltiga, 10-V-1928.

VENDRYES, J. (1935) “En col da poesía bárdica. A poesía de corte na Irlanda e mais en Gales”(tradución de An Oaled), en Nós, nº 136, pp. 65-68.

YEATS, William Butler ([1935] 1977) Dous dramas populares. Tradución de Plácido R. Castro e os irmáns Vilar Ponte. Colección O Moucho, nº 53. Vigo: Edicións Castrelos.

 

VolverVolver a Titulares


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2005
Fernando Pol