Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
A “balcanización” de Asia Central
Roberto Mansilla Blanco (igadi.org. 22/06/2010)

Versión para imprimir

 

Os mortais enfrontamentos no Quirguizistán entre as comunidades étnicas uzbeca e quirguiza, considerados os mais graves en 20 anos e con saldo de centenas de mortos e decenas de miles de refuxiados, revela o fracaso da transición postsoviética dentro da esfera centroasiática, empantanada pola escasa estabilidade política, o complexo mosaico étnico e o pulso de intereses exteriores.

Deste modo, a “balcanización” centroasiática rememora escenarios críticos como Bosnia ou Cósova, involucrando directamente a actores externos como Rusia, China, EEUU e Europa, e complicando un panorama xa de por si inestable que, no caso quirguizo, comezou a manifestarse coa caída en abril pasado do goberno do entón presidente Kurmanbek Bakíyev.

Con apoio ruso, a conformación dun incerto goberno transitorio baixo a presidencia de Rosa Otumbayeva parece non poder garantir a autoridade e capacidade de control suficiente para estabilizar este país veciño de Afganistán, e onde Rusia e EEUU posúen bases militares. Está pautado para o próximo 27 de xuño un referendo nacional para aprobar unha nova Constitución, cuxa base estipula a conformación dunha democracia parlamentaria.

Otumbayeva xogase moitas cartas neste referendo que se ven obstaculizadas pola violencia interétnica e a inoperancia da comunidade internacional. Por tanto, a presidenta quirguiza acusou directamente á oposición política de estar detrás dos enfrontamentos, aplicando a represión informativa sobre o que ocorría nas localidades de Osh y Jalalabad, ao sur do país e escenarios da violencia étnica.

Pola súa banda, Moscova mantén unha actitude expectante, rexeitando de antemán as demandas de Otumbayeva de enviar forzas especiais a estas rexións. Paralelamente, a OSCE denunciou unha posible “limpeza étnica” contra a minoría uzbeca tanto como Uzbekistán anunciou o peche da súa fronteira, colapsada tras recibir uns 100.000 refuxiados, incrementando así os temores dunha posible crise humanitaria.

En todo caso, un manto de misterio cubre a crise quirguiza. Cunha mesma relixión islámica e unha lingua de orixe túrquico, as comunidades quirguiza e uzbeca basicamente convivían con normalidade. Non obstante, o escenario dos choques interétnicos, localizados en pleno Val de Fergana, corresponde a un estratéxico corredor de tráfico de drogas nas que compiten diversas mafias polo seu control. Igualmente, para EEUU e a OTAN, este punto resulta estratéxico por constituír un paso obrigado para asistir as súas tropas en Afganistán.

A posibilidade dunha guerra civil en Quirguizistán involucraría inmediatamente a países veciños como Uzbekistán, Rusia e China na defensa dos seus intereses e das súas respectivas minorías étnicas, “rexionalizando” así un conflito altamente “balcanizado”. Os medios rusos incluso falan dun posible “Darfur” centroasiático mentres critican a incapacidade política da comunidade internacional para evitar a masacre étnica e a violencia política.

 

Roberto Mansilla Blanco
es analista del IGADI.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/06/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta