Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Unha Europa contra as nacións sería un erro histórico
Ánxelo González Vicente (Xornal de Galicia, 23/12/2008)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Nicolás Sarkozy; clic para aumentar
A oración que dá título a este artigo fai parte do discurso que no pasado día 16 de decembro pronunciaba o xefe de Estado francés, Nicolás Sarkozy, a modo de despedida da súa presidencia da UE. Infelizmente, con toda a certeza, o activo político galo estaba incorrendo, unha vez máis, no histórico erro de utilizar Estado e nación como sinónimos, e non dando conta dunha toma de consciencia do desexable que para a UE podería ser o aumento do peso das nacións sen Estado no seu seo.
 
A oración que dá título a este artigo fai parte do discurso que no pasado día 16 de decembro pronunciaba o xefe de Estado francés, Nicolás Sarkozy, a modo de despedida da súa presidencia da UE. Infelizmente, con toda a certeza, o activo político galo estaba incorrendo, unha vez máis, no histórico erro de utilizar Estado e nación como sinónimos, e non dando conta dunha toma de consciencia do desexable que para a UE podería ser o aumento do peso das nacións sen Estado no seu seo. E isto débese a unha toma de posición ideolóxica profundamente centralista, xa tradicional no Estado francés, pero con toda probabilidade tamén a un aínda insuficiente esforzo pedagóxico que axude a esclarecer unha cuestión fundamental: por que Sarkozy ou calquera outro cidadán europeo debería considerar bo que as nacións sen Estado europeas gañen peso na UE? Aliás, querendo facer mesmo un contributo un pouco máis completo para quen xa estiver persuadida ou persuadido, gustaría tamén de achegar algún elemento de eventual utilidade en relación a unha segunda cuestión: como se podería operar un tal aumento de poder?

Permítaseme, por razóns de clareza expositiva, comezar pola segundo dos interrogantes colocados. A peza chave para o avanzo das nacións sen Estado nas institucións europeas, aínda noutras, ha de ser situada no recoñecemento do dereito de autodeterminación e na explicitación dun procedemento para o seu efectivo exercicio. Isto porque a incorporación ao dereito comunitario destes dous elementos tería dous efectos que traballarían en favor das nacións sen Estado na UE. Dun lado, os Estados temerían que aqueles territorios en que se manifesta un sentimento identitario máis intenso puidesen chegar a exercer o procedemento autodeterminista, de modo que serían máis receptivos a algunhas das súas demandas, incluíndo as de maior presenza internacional. Doutro lado, e polo que se vén de referir, esa receptividade só tería lugar en relación a aqueles territorios nos que se percibise máis desenvolvido ou con máis posibilidades de desenvolvemento o sentimento identitario, de maneira que se produciría unha discriminación positiva en favor das nacións sen Estado. Con isto, evitaríase que as demandas específicas dos pobos ficasen diluídas no conxunto das daqueles territorios que non constitúen pobos, tal como hoxe acontece no Comité das Rexións da UE.

O recoñecemento da autodeterminación no dereito comunitario tería xa, de por si, dúas consecuencias desexables para a cidadanía europea e mundial. En primeiro termo, aumentaría a credibilidade do Dereito Internacional, ao constituír un acto de congruencia política por parte dos Estados europeos con diversos tratados internacionais de que son signatarios e polos que se comprometeron a respectar o dereito de autodeterminación, a comezar pola propia Carta da ONU. Ademais, habilitaría unha vía democrática para reivindicacións de carácter identitario, o que contribuiría a desactivar movementos violentos actuais ou futuros e, por tanto, eliminaría unha das eventuais fontes de inestabilidade e ameaza da paz no continente.

Por outro lado, ao contribuír para aumentar a importancia dos pobos sen Estado na armazón institucional da UE, estes sentirían mellor atendida a súa especificidade, o que axudaría á cohesión social nos respectivos Estados e na UE. Aínda, o maior peso de representantes de territorios máis pequenos e, por iso, máis próximos da cidadanía habería de traducirse nunha maior aproximación entre as políticas públicas da UE e as necesidades da sociedade europea, o que contribuiría positivamente á lexitimidade das políticas públicas europeas e, por extensión, da UE toda. Refírase tamén que unha maior presenza das nacións sen Estado na UE axudaría de modo notable á protección e preservación da extraordinaria diversidade lingüística e cultural europeas, elemento fundamental para se presentar no mundo con completa integridade e capacidade de suscitar confianza no saber facer europeo.

 
 

Ánxelo González Vicente,
vicedirector do Igadi.

Ánxelo González Vicente, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/12/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta