Presenza-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presencia/Estados Unidos/ Estados Unidos
Fascismo en EEUU
Por Xulio Ríos (ECO, novembro/2006)
 
 

  Edificio da American Bar Association en Washington, clic para aumentar
Días antes da aprobación da proposta republicana no Capitolio, a American Bar Association, a principal asociación nacional de avogados de EEUU, aseguraba que a supresión do habeas corpus viña a eliminar a principal protección contra a detención inxusta por parte dun goberno. Contemplar, reinterpretando á conveniencia as Convencións de Xenebra, a autorización para levar a cabo “técnicas severas de interrogación” por parte de axencias civís estadounidenses limita a protección e os dereitos dos detidos e deixa aos individuos na máis absoluta indefensión. En suma, se a tortura se fai en nome de EEUU é válida. (Foto: Edificio da American Bar Association en Washington).
 
¿Onde rematará a paranoia de Bush? A recente legalización da tortura e a anulación do dereito de habeas corpus danan gravemente os fundamentos do sistema legal e destrúen os cimentos democráticos de calquera sociedade. É outra volta de rosca promovida polo grupo de neofascistas (por que neocoms?), cada vez menos lights, que dirixen os destinos de EEUU e que atoparon na loita contra o terror o argumento ideal para atemorizar á sociedade obtendo carta branca para cometer todo tipo de tropelías e violacións dos dereitos humanos máis elementais. Non se pode proclamar que a democracia é a forma suprema de goberno –nin mobilizar exércitos para impoñela–, cando, ao mesmo tempo, se postula e outorga patente de corso a un goberno para efectuar detencións arbitrarias, dispoñendo a eito das vidas e dos dereitos de persoas, das que antes se presume a culpabilidade que a inocencia.

Días antes da aprobación da proposta republicana no Capitolio, a American Bar Association, a principal asociación nacional de avogados de EEUU, aseguraba que a supresión do habeas corpus viña a eliminar a principal protección contra a detención inxusta por parte dun goberno. Contemplar, reinterpretando á conveniencia as Convencións de Xenebra, a autorización para levar a cabo “técnicas severas de interrogación” por parte de axencias civís estadounidenses limita a protección e os dereitos dos detidos e deixa aos individuos na máis absoluta indefensión. En suma, se a tortura se fai en nome de EEUU é válida.

Ariel Dorfman no Washington Post do 24 de setembro preguntábase alarmado como é posible que a tortura poida chegar a ser política oficial en EEUU. A comentarista política Molly Ivins asegura, pola súa banda, que a decisión socava principios fundamentais que afectan á decencia básica. Numerosas voces honestas e democráticas de EEUU, procedentes dos máis amplos sectores (dende ex subsecretarios de Estado, diplomáticos, profesores de dereito, organizacións defensoras de dereitos civís, e ata o ex xeneral Colin Powell) clamaron contra esta perigosa deriva fascista do goberno norteamericano. A mensaxe que a Administración Bush propaga por todo o mundo non é a da democracia que afirma promover, senón a do abuso de poder e da eliminación das garantías individuais fronte a un goberno con evidencias de conduta cada vez máis asimilables ao nazismo. Que en ninguén cause estrañeza que outros intenten emulalo, aínda que os seus usos lingüísticos sexan menos sofisticados e sibilinos.

E cando aínda o campo de concentración de Guantánamo segue aberto para vergoña de toda a humanidade e os ecos do escándalo dos cárceres secretos semellan arrumbados nun caixón, resulta que a nosa democrática e colaboracionista UE de Vichy, pouco inquieta por estes retrocesos, acorda facilitar a todas as axencias de seguridade de EEUU, os datos persoais dos pasaxeiros europeos que viaxen a EEUU. ¿Irán a parar a mans deses executores da nova política oficial que elaboran listaxes cheas de erros? Seica a pusilánime UE pediu, a cambio, un “nivel de protección adecuado”. Estamos, con Franco Grande, en que a política, no mundo libre, está chegando a uns niveis de inmoralidade que provocan verdadeiros arrepíos.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presencia/Estados Unidos



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/10/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta