Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
A Krajina e os que sentan na Haia
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 12/08/2003)
 
 

Dúas cerimonias moi distintas lembraron este verán as matanzas dos propios nas guerras de 1991-95. A primeira, celebrada a principios de xullo, conmemoraba a de Srebrenica, e xunto ós herdeiros das víctimas bosníacas asistiron por vez primeira os dos verdugos, oficializados nunha delegación da República Serbia de Bosnia. Hai unha semana, unha cerimonia en Belgrado lembrou os mortos e o éxodo dos serbios da Krajina tralo ataque crota de agosto de 1995, a “Operación Tormenta”. Nin un nin outro masacre (fálase de 7000 bosníacos mortos en Srebrenica e de 150 a 5000 serbios mortos na Krajina, todos civís) é un caso pechado na Haia. Oito anos despois non o son en canto ás responsabilidades penais. Como se está a ver este verán dentro e fóra do Tribunal a pesar da inexistente cobertura dos medios e da nula transparencia informativa empregada polo TPIY, rebasan o triple enfrontamento Serbia-Croacia-Bosnia·Herzegovina.

Primeiro foi o testemuño do xeneral croata Mirko Norac, xa condeado por tribunais croatas a 12 anos de prisión pola execución de 50 civís serbios en 1991. Norac asegurou que altos cargos da administración Clinton autorizaron e puxeron os medios técnicos para a expulsión de preto de 200.000 serbios da Krajina. A testemuña propiciou a investigación da cadea televisiva canadense CBC que, citando fontes militares do seu país, revelou a relación do MPRI, Military Professional Resources Inc, unha consultoría militar –alugueiro de mercenarios- co Pentágono e co Goberno croata de Tudjman, que terían actuado xuntos no planeamento e execución da limpeza étnica da Krajina, despexando case definitivamente a situación militar para a declaración da independencia croata. Internacionalmente, explica a consultoría na súa páxina web (http://www.mpri.com/channels/int_overview.html), “MPRI proporciona unha ampla gama de servizos ó Goberno estadounidense e, baixo a licencia do Goberno dos EEUU, a varios países estranxeiros”. Máis concretamente o voceiro da empresa, sendo preguntado pola matanza da Krajina, definiu a natureza dos seus servizos: “só aspectos mundanos do liderado e o rol militar nunha democracia” para o que foi unha operación de limpeza étnica. Como queira que, en 1995, debeu satisfacer ben o encargo do seu Goberno, MPRI é agora unha das empresas máis beneficiadas polos contratos das “transicións”, que inclúen a reforma do Exército e mailo asesoramento a gobernos e sectores privados incipientes na propia Croacia, Bosnia-Herzegovina, Macedonia, Bulgaria, Armenia, Georgia, Azerbaijan, Ucraína, Nixeria, Guinea Ecuatorial, Sudáfrica, China, Corea do Sur, Kuwait, Arabia Saudita e Colombia.

Ademais da axuda estadounidense (entón, en agosto do 95, “neutral” perante o conflicto), Croacia tería recibido asistencia de guerra por outros medios. Unha investigación da Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas confirmaba, en 1994, a presenza de mercenarios estranxeiros en Croacia que “terían sido pagados –e presumiblemente recrutados – fóra de Croacia e por terceiras partes”, aspecto que coincide cos testemuños de vellos membros das forzas canadenses de pacificación –Forpronu- perante o TPIY en canto á presenza de mercenarios na Operación Tormenta. Arxentina –a pesar da súa forza pacificadora nos Balcáns baixo o mandato ONU de 1992- tería, afirma a CBC, proporcionado armas usadas na Krajina. Así, o capitán Gerry Carron, un dos confidentes da cadea, pode dicir que “os pacificadores poden ter feito cousas peores que desarma-los serbios namentres os croatas se rearmaban”.

Non é en absoluto probable que os militares canadenses que actuaron de confidentes da CBC se suiciden, á maneira de David Kelly, o confidente da BBC no das “armas de destrucción masiva”. Empeñados en mirar cara adiante e esquecer no medio da lama, reducindo as responsabilidades penais a uns cantos xenerais e o seu dictador de quenda e ocultando o papel occidental na guerra, apláudese a “reconciliación entre irmáns” da cerimonia conmemorativa da matanza de Srebrenica e báixase a testa perante a que lembra -lembran os serbios- a da Krajina. O mandato da Haia non é xulgar lembranzas, inhibirse ou reconciliar; tampouco con Occidente.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/08/2003
Fernando Pol